Comúns vs. Participación, ou a profesionalización dos movementos sociais. Unha doble realidade post 15M

Posted · Add Comment

Ás veces poden articularse arredor dun mesmo, unha serie de combinacións casuais do que darei en chamar “liñas temáticas de pensamento e experiencia”: Parecera que a intelixencia colectiva danza subconscientemente arredor dun tema pra se amosar algo a si mesma, que as causalidades combínanse nun punto coma o vórtice dun tornado, o desague da pileta… Todas as ideas e experiencias rematan indo para ese punto central. Isto é o que nos motiva moitas veces a algúns a intentar escribir pra aclarar termos e poñer luz sobre algunhas cousas.

Levo uns días confrontando ideas con parceiros e parceiras entre a necesidade de xerar por unha banda, teorías e pensamento crítico sobre as temáticas que nos interesan ou preocupan, e por outra, a necesidade de comprender a praxe coma verdade ou función última: a parte material e a práctica das cousas, a que é susceptible de producir mudanzas estables e verdadeiras na sociedade e nos sistemas. Este vello dilema é unha brisa permanente no ámbito dos movementos sociais, ou se cadra, de cada movemento sobre a terra.

E ainda pensando que na integración das dualidades é onde está a verdade, está collendo forza en min a necesidade de polarizar unha vez mais para comprender onde estamos xusto agora. Pois acontece que xunto con nós, os comúns, hoxe conviven discursivamente novas faccións que din ser Nós -incluso en maiúsculas e con bandeira-, pero son as praxes as que non encaixan…

Esta é unha historia sobre unha loita contemporánea, non só especialmente de clases -que tamén- senón, e principalmente, de éticas.

O valor simbólico da Colectividade. O 15M

Sería doado concordar que o ser humán, coma ser gregario -social-, usa a capa simbólica de interpretación da realidade para poder artellar e asimilar discursos colectivos sobre os que pousar o seu espectro de pensamento-acción e sentirse parte dunha contemporaneidade, dun contexto social, dunha colectividade, dun entorno de coidados e afecto. Dende unha visión acomodada podemos pensar que dende a “serenidade” das nosas zonas de comfort imos escollendo agora este espectro simbólico, fluindo agora cara aqueloutro, sendo mais unha cuestión de lecer creativo que outra cousa. Mais tamén pode xurdir a necesidade de nos recoñecer nos demais dende a vontade de lograr maior dignidade social, material, e tamén se cadra dende o desexo de mudanza de rumbo, cousas a priori nada sospeitosas de facer parte dun mero “lecer criativo”.

E non podemos obviar iso: que esa autoidentificación simbólica pode en moitos casos, ser un vehículo para a materialización dun desexo esencial. Por exemplo: Sen os problemas psicolóxicos e os sentimentos de opresión derivados da crise-estafa na que caimos os/as cidadáns dos estados do sur de europa, non terían sentido as protestas que desencadenaron as manifestacións e acampadas do 15 de Maio, dando nun sentir colectivo superior que cruzou o estado e reforzou unhas “novas” identidades sociais e políticas alén das clases sociais e o obsoleto binomio esquerda-dereita

Agora compre preguntarse, cal era o desexo que se manifestou naqueles días?

Poderíamos argumentar, de novo dende a candidez do acomodamento, que pra moitas persoas o leitmotiv sería o desexo de recuperar o soño perdido: Voltar ao benestar, aos salarios elevados, ao nivel de consumo e de ocio dos 90/2000. Mais iso non concorda coa capacidade de esforzo, co parón social, coas proclamas, as accións de rúa de quen realmente estivo acampando aqueles días, coordinando asambleas, pensando novos xeitos de vida, documentando e conectando novas experiencias, alternativas, novos paradigmas. Incluso os que so andivemos de refilón por aquelas acampadas tomando fotografías, se somos honestos, podemos afirmar que era moito mais que hartazgo político e económico o que sementou eses días aquelas leiras.

Esta é unha historia sobre unha loita contemporánea, non só especialmente de clases -que tamén- senón, e principalmente, de éticas.

Sen querer facer un repaso mais do 15M, preciso explicar que dende aqueles momentos, albiscando unha luz meirande, moitas comezamos a interactuar nunha universidade aberta e colectiva, aprendendo sen parar. Aprendimos primeiro o valor da asamblea coma espazo de poder colectivo, aprendimos sobre consenso, sobre conflictos, mais conflictos, e ainda mais… algúns falaban de mediación, facilitación… Rematamos en grupos de traballo, recopilando principios e obxectivos, moitas veces sen ter claras as nosas forzas nin saber que precisabamos estratexias -eis algúns dos nosos erros naquela escola-. Foi unha escola universal que recuperaba pensamento e símbolos dende o pensamento anarquista universal, dende os usos das tribus orixinarias do amazonas, dende as tradizóns das nosas aldeas: a nivel de país, algúns e algunhas comezaron a recuperar e reintegrar os saberes e tecnoloxías das mancomunidades tradicionais para aportar dende a nosa idiosincrasia a unha realidade contemporánea, dando no que hoxe podemos chamar uns “comúns autoxestionados” contemporáneos. En cada cidade galega apareceu un grupo de desenvolvemento de proxectos cooperativistas e de desobediencia baseados na revolución integral plantexada pola Cooperativa Integral Catalana; As tecnoloxías da cultura libre e da ética hacker resoaron dende as redes globais para nos liberar no espírito da era da información cos textos de Manuel Castells, Pekka Himmanen, R. Stallman. Pensadores coma Sampedro, Taibo e outros nos inspiraron na rebelión e nos falaron das crises enerxéticas e a necesidade do decrecemento consciente e a mudanza de paradigma para ter un futuro, non so políticamente, mais sobre todo ecolóxicamente, sustentable.

Dende Maio de 2011 ate Maio de 2017, 6 anos despois, algunhas xa estamos facendo o posgrado. Do mesmo xeito, tamén practicamos abondo, compartimos a configuración de ex-titucións colectivas, vivemos experiencias que alén de nos reforzar no sentido de pertenza para articular discursos colectivos, déronnos sabedoría pra distinguir entre mudanza de paradigma e reformismo. E con ese reformismo institucionalista que temos que estar lidando hoxe, se simbólicamente alguén se aventura a dicer que somos semellanza, estase a amosar que na práxe somos polaridade, confrontación e contra-culturas.

Crítica á Nova Política do Cambio dende os Comúns dun Novo Mundo Posible.

Os pasados días estiven participando en encontros de deseño dun posible vindeiro proxecto cidadán materializable na Coruña. A cada vez que a alguén se nos escapaban as palabras confluencia, participación ou cultura para definir a condición social do proxecto, outra persoa viña chamarlle a atención e pregarlle con educación -e non sen retranca e risas-, que non dixera mais palabrotas… E anque dea risa, a mágoa é que estamos a perder vocabulario, non por falla de uso, mais porque hai un sector da política reformista, institucionalista e de clase, que se está a apropiar do contido simbólico de moitas expresións dos comúns contemporáneos para configurar praxes que pra moitas, tristemente non concordan co que nos comprendemos como verdade. E nese ámbito están moitas veces as Mareas.

As mareas, ou por corrección falarei concretamente da que mais coñezo, a Marea Atlántica, apareceu coma un espazo de “participación” e “confluencia” de diferentes sectores, colectivos e plataformas “cidadás” para xerar unha nova “cultura” política na cidade, asimilable á promesa de mudanza de paradigma de Podemos a nivel nacional. A promesa era de proximidade e coidados, de aplicación sectorial, de grandes consensos, participada, asamblearia, en rede, cun relato aberto, dende abaixo, transparente, etc. Eis o seu manifesto.

Durante o proceso de creación desta marea, se abriu a chamada a moitos movementos sociais. Contouse con elxs pra participar desa construccion colectiva. Xa que non é un texto de análise pormenorizado das mareas, non vou entrar en disquisicións de como foi que algunhas persoas remataron dando soporte ao que alí aconteceu, e como outras simplemente fumos saindo algo desesperanzadas no que consideramos un conxunto de urxencias mal xestionadas que daba en procesos algo opacos e pouco consensuados -por razóns que prefiro non coñecer-. Ainda así acompañamos. Ainda así algúns votaron. Ainda así chegamos logo dun tempo con propostas, pasando polo rexistro, coma todo o mundo, para falar de proxectos cidadáns.

Un Lab de Participación?

O Laboratorio dos Comúns foi unha proposta deseñada por Galiza imaxinaria, presentada ao concello da Coruña ao abeiro das redes e praxes que por todo o territorio galego se artellan entorno aos comúns, ao coñecemento aberto, á cooperación, ás novas economías alternativas, ás tecnoloxías sociais e dixitais, á cultura comprendida coma fluxo integral das xentes. Propuxemos a necesidade de iniciar procesos que combinaran o poder integrador, a intelixencia colectiva e liberdade de acción dos movementos sociais autónomos, xunto co poder mediático de chamada e a capacidade de facilitación de recursos da institución pública. A proposta auspiciaba un trasbase progresivo e consciente dende o espazo público ao espazo comunal, por unha simple cuestión: A Resiliencia política do proxecto. Se non hai trasbase e distribución de poder real dende a institución cara ás persoas, non so non hai avance, senón que ademais, políticamente, todo está en risco de non ter valido pra nada ao depender a súa continuidade dun cambio de goberno.

Durante os seguintes 6 meses logo de presentar a proposta, coñecimos os procesos de Nápoli en innovación xurídica dos bens comúns cidadás, falamos de autoxestión e iniciamos un proceso autónomo non supeditado para dar forza evitando non ser dirixidas. Falamos de recoñecemento de necesidades comúns e transparencia, e de inter-institucionalidade entre concello e comunidades. Déusenos a razón por momentos e fomos convocados e convocadas coma aquelas que poderiamos, dende as nosas experiencias, axudar a iniciar un proceso participativo que no tempo se fixera meirande. Hoxe algúns sabemos que se nos deu a razón por interese ou incapacidade, pero unha vez mais, sen honestidade.

Contrariamente aos comunicados off the record entre a Concellaría e o Laboratorio dos Comúns, e para sorpresa de moitas, anunciouse o CoLab: un proceso deseñado unilateralmente e de xeito interno pola Concellería de Participación coma resultado da creación dun equipo propio de traballo, escollido a dedo entre afíns á Marea, con orzamento e dende a vontade de reproducir na Coruña -dende cero e so dende a vontade política da institución pública- un proxecto coma o MediaLab Prado ou semellantes.

A primeira entrega do CoLab, o “Laboratorio Cidadán de Participación”, foi un proceso limitado por unhas dinámicas dirixidas cara a productividade -por parte de persoal contratado-, realizadas durante unha única xornada de traballo moi forzado pola falta de tempo. Dese espazo de pensamento dirixido sairon unha serie de ideas, deseñadas polas axentes sociais e cidadás nos grupos de traballo. Ao chegar ao peche, e debido á carencia de compromiso declarado pola concellería, houbo un  desbordamento que deu nunha crise evidente por parte dalgunhas das participantes. Despois daquelo, o CoLab simplemente desapareceu durante 5 meses.

Durante as comunicacións oficiais do Colab todo -absolutamente todo- describe no plano simbólico un proceso de participación, de contar coa cidadanía, da voz das persoas, de cooperación e colectividades. Mais no plano material a práctica inclúe por desgracia algo peor que o paternalismo con que nos ven dada, que a apropiación unilateral do proceso cidadán por parte da institución ou que un autoengano por inexperiencia de parte da concellaría. Esconde un risco meirande que simplemente outra decepción política. E é polo recoñecemento dese risco que describirei mais adiante, que considero preciso escribir estas liñas.

Previamente a esta resolución considero interesante ollar un tramo de este video de Jaron Rowan: “Demoler o Liceo”, unha necesidade que plantexa conceptual pero que reflicte moi ben os erros que se están a dar en algúns ámbitos da “nova política”.

O perigo da profesionalización da participación e a precarización da autonomía social.

Baixo o formato de “para a xente pero sen contar de todo coa xente”, o feito de caer por incapacidade -ou pola causa que for- nun novo despotismo ilustrado pode reforzar unha vez mais un status quo político de falsa transición, que sigue entanto demarcando a separación do territorio de xestión dos recursos entre as institucións públicas, xestionadas de facto coma espazos privados por parte das forzas políticas de turno, e as comunidades que constitúen de facto a sociedade. O resultado é “un pouco mais de consulta”, “un chisco mais de ilusión”, pero o mesmo nivel de in-capacidade de desenvolver intelixencia colectiva autónoma nas cidades, nos barrios.

A adopción do pensamento economicista coma case único foco dende o que xestionar os recursos e a potencia das comunidades, reincide na imbricación do pensamento capitalista en case tódalas facetas da sociedade, desplazando os espazos reais de pensamento sobre cohesión, empoderamento, intelixencia social, autonomía, autosustentabilidade, etc. Isto, históricamente non foi casual, e veu claramente da necesidade de controlar, cada vez mais, cada aspecto do modelo productivo, baseado nas persoas e os recursos que elas posúen e traballan. Así, chegamos tamén e por necesidade de control, á hiper-legalización e privatización da xestión dos espazos e recursos comúns, nas cidades en que vivemos, onde a cidadanía non é un verdadeiro corpus autoconsciente e cuias decisións dan en consecuencias de autorealización -agás nos contados casos aberrantes en crises extremas-, senón que a cidadanía é meramente un ideal de rédito político con maior ou menor carga simbólica nos discursos.

Esta realidade semella estar lonxe de ser un problema recoñecido coma esencial na nova política da cidade da Coruña. Tal afirmación baséase no que semella unha apropiación indebida do concepto de participación cidadá, en favor dun modelo de “xestión cultural” cun reparto “amigablemente competitivo” de orzamentos para a xestión dos recurso participativos, en detrimento da consciencia de sustentabilidade colectiva, da intelixencia social e da creación comunitaria autónoma.

Agora, 5 meses despois dun silencio administrativo, o CoLab chega de novo, cunha serie de orzamentos que prometen “xerar contextos e entornos de aprendizaxe práctica, para entidades e organizacións, colectivos ou persoas con interese en desenvolver proxectos de innovación social na cidade da Coruña, e nos que a cidadanía é o principal axente dinamizador e produtor de coñecemento”.

Os 130.000 € que se han invertir neste proceso, plantexados cunha “forma administrativa de contratación”, amosan por unha banda a incapacidade de facto para comprender o mais esencial significado do concepto de “participación democrática”. Alén diso, reforzan un modelo competitivo e economicista que potenciará a profesionalización dalgúns colectivos e axentes sociais, levando a moitos ante o dilema de non poder colaborar ou ter que adaptarse a formatos legais pseudoempresariais -inadecuados políticamente para as naturezas horizontais dalgúns deles- de cara a poder acceder a eses recursos. Tamén, este formato favorecerá que os colectivos e cidadáns con capacidade de deseño de proxectos -ou tamén os cazarecompensas e profesionais “sociais” de turno- sexan os que accedan con mais facilidade aos contratos de xestión, dinamización e coordinación, mentres que os que non, rematarán coma man de obra gratuita “participativa” e voluntariosa que traballará “para o inglés” en favor dun mal comprendido ben social. Isto é un caso moi claro de promoción irresponsable da xeración de novos poderes de facto e distancias -baseadas nos ingresos económicos- entre os axentes sociais, ademais dunha precarización activa dos voluntarios e a división social dos axentes en base ás súas capacidades de acceso aos contratos, que nos levará lonxe dunha economía do ben común, pois o valor de uso, o coñecemento, o tempo e os valores humáns quedarán no plano do anecdótico.

Tamén, baixo estes formatos de contratación, promóvese a dependencia dos fondos públicos por parte da cidadanía para esta se xestionar, o cal implica a evidente imposibilidade de mudar o foco do poder durante os procesos que aí se inicien nos próximos anos. Isto implica hipotecar a innovación social baixo o risco xa antes comentado: Ao acontecer un posible -e potencial- cambio político, estes fondos poden desaparecer por ser considerados inapropiados para os fins gubernamentales de turno e deixar toda participación cidadá carente e desorganizada.

Pola contra, anque mais lentos, e hoxe xa sabéndonos desamparados pola incapacidade de acceder a formatos híbridos e dignos onde cada parte poida traballar coa dignidade que merece, algúns axentes seguiremos traballando no empoderamento dende abaixo, de xeito horizontal, non economicista nin competitivista, autónomo e libre en prol das nosas comunidades e os seus recursos inalienables.

Fronte á “cidadanía” enlatada que algúns propoñen, promoveremos unha aldeanía consciente através de centros sociais autoxestionados e accións directas coas comunidades. Seguiremos traballando e tamén alzando a voz para denunciar malos usos e apropiacións dos recursos e discursos comúns. Somos moitas de nos nesa fronte.

 

Comments are closed.