Sobre un Laboratorio dos Comúns na Coruña

Posted · Add Comment

O pasado mes de Maio a rede de Cultura Libre GZimaxinaria presentou ao concello da Marea Atlántica da Coruña unha proposta inicial para a creación dun Laboratorio dos Comúns na cidade, aproveitando as sinerxias e capacidades xa existentes dentro e fora da propia rede GZi, e coa vontade de artellar unha relación entre iguais xunto co concello, para promover o desenvolvemento das tecnoloxías sociais que demandan as nosas comunidades hoxe en día.

O documento, presentado logo dunha reunión de aproximación positiva co concello, responde á vontade de diversos colectivos e axentes de toda a GZ de aproveitar os saberes xerados dende as ex-titucións dos comúns no noso territorio, e cunha visión clara sobre o potencial e a responsabilidade que os novos concellos do cambio teñen para fomentar a autonomía dos procesos cidadáns, fora do espazo de poder que ocupan as corporacións.

Este texto propón, en rasgos xerais, un proceso por fases no que a colectividade dos comúns xere un espazo -non so físico, mais tamén conceptual e de praxe- de autonomía propia, e onde o concello sexa, en primeiro termo, facilitador, validador e canalizador de recursos para despois virar observador e se for viable nalgúns dos casos, fornecedor dalgunhas das investigacións e desenvolvementos xerados neste novo espazo independente. A proposta fala de poñer a traballar nunha primeira fase a distintos activos da cidade e de toda GZ para facilitar a apertura do Laboratorio, nun proceso aberto e transparente no que, co tempo, se chegue a unha multiplicidade de areas e proxectos de I+D en áreas coma a Cultura Libre, a Economía Social, as Territorialidades, etc.

O proxecto de Lab parte coa validación, e é en parte unha proposta derivada de falas con axentes e colectividades galegas diversas que conforman a Rede Imaxinaria, coma Montenoso, a Casa Colorida, Axóuxere Editora ou Equipo Plétora entre outras que traballan por todo o territorio galego nos comúns, os feminismos, as artes, o decrecemento, o urbanismo, a economía social, as tecnoloxías, etc. Unha oportunidade tamén de xerar un modelo autónomo, en dialogo peer to peer coas institucións, que poida ser replicado en outras localidades principais da GZ ou mesmo fora dela para xerar un tecido empoderado e resiliente aquí e agora.

Podes ler o documento presentado ao concello da Marea aquí: Laboratorio dos Comúns_Coruña (.pdf)

 

Comments are closed.